Tuesday 14 de May de 2024

Cantabria interésase polo modelo de éxito da Formación Profesional galega


— O Goberno galego comparte co cántabro o funcionamento destas ensinanzas, que na última década melloraron 50 puntos a inserción laboral

— Percorren os centros integrados de FP Politécnico de Santiago, Carlos Oroza, Universidade Laboral de Culleredo e o Instituto Politécnico Marítimo do Atlántico

A directora xeral de FP da Xunta de Galicia, Eugenia Pérez, reuniuse esta mañá co director xeral de Formación Profesional e Educación Permanente de Cantabria, Ricardo Lombera, ao que explicou o funcionamento destas ensinanzas en Galicia

O representante do Goberno cántabro interesouse especialmente polo funcionamento da FP Dual que, con arredor de 2000 alumnos, multiplica case por cinco as cifras de matriculación que rexistraban hai seis anos, grazas á colaboración de máis de 800 empresas que confían nos ciclos formativos para formar aos seus futuros traballadores.

Así mesmo, afondaron nos 35 másteres de FP ofertados en Galicia, que contan xa con máis de 400 matriculados, fundamentalmente en ámbitos relacionados coa formación de perfís profesionais tecnolóxicos altamente demandados (implementación de redes 5G, intelixencia artificial e big data, ciberseguridade…) .

Referente a nivel estatal
A directora xeral de FP da Xunta de Galicia explicou ao seu homólogo cántabro que estas ensinanzas son unha aposta Goberno galego que ten como folla de ruta a Estratexia FP Galicia 2030, dotada con 900M€. Froito do traballo da última década, a FP galega tense convertido nun referente a nivel estatal, que é exportable a outras comunidades.

Non en balde, estas ensinanzas espertan un gran interese e demanda crecente entre a cidadanía e os sectores produtivos, o que se traduce nun incremento de matrícula superior ao 70% na última década. Neste período, ademais, a inserción laboral incrementouse en máis de 50 puntos (no 2009 era do 32,7%), de tal forma que hoxe é do 85% e supera o 90% na FP Dual.

A xuntanza desta mañá é o primeira das citas da axenda que o representante do Goberno cántabro, acompañado do seu equipo e da directora xeral de FP da Xunta, desenvolverá na súa visita a Galicia, que inclúe visitas a varios centros de referencia nestas ensinanzas.

Así, a delegación visitará hoxe os centros integrados CIFP Politécnico de Santiago e Carlos Oroza (Pontevedra) –recoñecido como o mellor centro de FP de España–, así como o Instituto Politécnico Marítimo do Atlántico (Vigo). Na xornada de mañá desprazaranse ao CIFP Universidade Laboral de Culleredo.